Saturday 04 de May de 2024

Máis de cen pezas evocarán a construción, historia e naufraxio do Santa Isabel na máis ambiciosa exposición celebrada en Riveira


 

Inaugurouse o martes coincidindo cos 100 anos da posta da quilla

 

Exactamente cen anos despois da posta da quilla á embarcación Santa Isabel na factoría de Ribagorda en Cádiz –labor acontecido o 28 de outubro de 1914-, o Concello inaugurou a -en palabras do alcalde Manuel Ruiz- “exposición máis importante de cantas se realizaron en Riveira”.

Foi o martes cando “O Santa Isabel: Emigración, Traxedia, Heroísmo” abríu as súas portas no Auditorio Municipal. O rexedor riveirense estivo acompañado no acto de presentación pola delegada de Cultura, Elvira Pisos, e pola comisaria da mostra e responsable da Sala Museo Municipal, Pilar Casas.

 

Ruiz Rivas salientou o especial sentimento que esperta aínda hoxe este suceso entre a veciñanza do municipio, ao tratarse do maior naufraxio ocorrido nas nosas costas (na noite do 2 de xaneiro de 1921 xunto as rochas do faro vello da illa de Sálvora) e ante actitude heroíca dos veciños, encarnada principalmente nas Heroínas de Sálvora.

 

Máis de dous anos de investigación

Pilar Casas leva dende maio de 2012 traballando na organización deste acontecemento, con exhaustivas investigacións en lugares como Cádiz, (Museo Histórico El Dique, Biblioteca de Temas Gaditanos), Madrid (Arquivo do Congreso dos Deputados, Arquivo da Real Academia Española, Arquivo da Administración Xeral do Estado de Alcalá de Henares, Arquivo Biblioteca do Museo Naval de Madrid) ou Viso del Marqués en Ciudad Real (Arquivo General de la Marina Álvaro de Bazán), entre outras institucións.

 

Froito deste laborioso traballo de investigación e do préstamo de obxectos e documentos por parte dunha quincena de persoas e entidades, máis de cen pezas, moitas delas inéditas, relacionadas co buque ou coas Heroínas de Sálvora serán exhibidas durante a exposición.

 

Entre as mesmas, cómpre salientar algunhas tan significativas como o semicasco do vapor (contén as anotacións que os antigos carpinteiros de riveira realizaron para despois construír o barco), cartas e planos orixinais, ferramentas que se utilizaron para a súa construción, cubertería e mobiliario orixinal ou un dos únicos planos que sobre o afundimento se realizou ao pouco do suceso e que se atopaba nunha vivenda particular en Muros (este documento foi amosado na presentación de hoxe).

 

Cadro inédito en España

Tamén hai que salientar a pintura que o postimpresionista José Seijo Rubio realizou no propio ano 1921 sobre o naufraxio e permanecía dende entón no Centro Gallego de Avellaneda en Arxentina. O Concello efectuou longas xestións para traer e restaurar o cadro, que será exposto en España por primeira vez e ilustra a cartelería da mostra.

 

Durante a súa intervención, Pilar Casas destacou a figura de Luis Cebreiro, segundo oficial do Santa Isabel, que con gran valentía decidiu non subir ao bote salvavidas para non desestabilizalo (medía case dous metros e tiña unha gran corpulencia física) e foi capaz de chegar nadando ata terra. De el se poderán ver entre outras pezas a Medalla de Ouro que lle outorgou a Sociedad Española de Salvamento de Náufragos e unha composición documental e fotográfica que o propio Cebreiro realizou ao longo da súa vida.

 

Outro dos atractivos que sen dúbida maior interese levantará entre os visitantes será a recreación en escala real dun camarote do barco. Tamén haberá catro maquetas cedidas polo Museo Histórico El Dique, a Fundación Exponav (unha obra orixinal de Luis Crujeiras), José Antonio Barreiro e Juan Queiruga Romay; así como 60 noticias aparecidas na época en xornais  tanto de España como Arxentina en reproducidas en tres paneis para dar testemuña da repercusión do suceso.

 

Creacións audiovisuais

Dous creacións audiovisuais -unha na que José Parada Crujeiras fala da súa avoa Josefa Parada, unha das Heroínas de Sálvora; e a outra cunha montaxe do suceso- serán outros reclamos que non hai que deixar de visitar.

 

A mostra estará aberta de luns a sábado. A intención do municipio e alongar a súa exhibición durante o primeiro semestre do ano 2015.